A asociación AGAPA lanza un programa pioneiro para mellorar a autonomía das persoas amputadas en Galicia

A asociación AGAPA lanza un programa pioneiro para mellorar a autonomía das persoas amputadas en Galicia

 Descarga en word

A Asociación Galega de Persoas Amputadas (AGAPA) puxo en marcha un innovador proxecto que busca soster unha rede de apoio especializada para mellorar a autonomía de persoas amputadas en Galicia. Este programa responde a unha “necesidade crítica”, en palabras do presidente da entidade, José Cougil, porque, segundo indica “na sanidade pública non existe un servizo especializado para persoas amputadas ocasionando que persoas afectadas recibiran tratamentos inadecuados que agravaron a súa situación limitando a súa calidade de vida”.

En Galicia, a dispersión xeográfica da poboación complica aínda máis o acceso a recursos axeitados e a posibilidade de que as persoas amputadas interactúen con outras en situacións similares, o que a miúdo desemboca en illamento social e baixa autoestima. Ademais, a falta de protésicos e fisioterapeutas especializados en amputacións agrava esta problemática, facendo que moitas persoas usuarias non logren a adaptación necesaria para utilizar as súas próteses de maneira segura e efectiva.

O novo programa de AGAPA pretende dar resposta a estas necesidades a través dun servizo integral e especializado, que abarca dende o axuste inicial da prótese ata un seguimento continuo para asegurar a correcta adaptación. Este enfoque busca frear o agravamento das complicacións derivadas da amputación ademais de favorecer a autonomía persoal, a integración socio-laboral e mellorar a calidade de vida das persoas amputadas.

Salomé Vila é una das persoas usuarias deste programa de AGAPA que recibe sesións de fisioterapia. Afirma estar contenta con este servizo porque, ao estar financiado, suponlle un custo máis alcanzable á súa economía, segundo indica que “cantas máis sesións faga máis melloro a miña calidade de vida”.

O proxecto, financiado en parte por unha subvención de 12.000 euros da Fundación ONCE, desenvólvese nos concellos de A Coruña, Santiago de Compostela, Sada, Lugo, Vigo, Cangas e Ourense, garantindo que os servizos estean accesibles mesmo en zonas rurais onde este tipo de atención é practicamente inexistente. Un total de 33 persoas de toda Galicia son usuarias deste servizo que iniciou no mes de maio e, durante catro meses distribuídos entre maio, xuño, setembro e outubro, teñen acceso a unha sesión por semana, cun custo de copago de 8 euros por sesión.

Para Lois Agrelo formar parte deste programa “é necesario para un paciente amputado para a correcta colocación da prótese, para a saúde do muñón e tamén a nivel psicolóxico polo apoio e consellos que che ofrece o fisioterapeuta especializado en amputacións”, indica. Este socio de AGAPA bota en falta maior coñecemento a nivel técnico das próteses para, segundo explica, “coñecer todas as posibilidades que ofrecen”.

Este programa representa un paso crucial cara á inclusión e o benestar das persoas amputadas en Galicia, e AGAPA continúa traballando para ofrecer solucións que permitan a estas persoas levar unha vida máis autónoma e plena.

Galería de imaxes